Descargar

Cibergraffiti: unha breve aproximación ó fenómeno do google bombing como forma de expresión social (página 2)

Enviado por Djamel Toudert


Partes: 1, 2

 

2.- Internet e a redefinición do modelo comunicativo

O nacemento de Internet e, máis concretamente, a democratización do seu uso supuxeron un gran cambio dentro deste paradigma que describimos.

Internet ofrece espazos gratuítos onde as opinións poden ser expostas libremente (na maior parte dos países), polo que cada persoa con conexión é un editor en potencia. Co nacemento da World Wide Web abriuse a posibilidade de que a información e a capacidade de difundila e compartila pasasen a estar en mans de calquera individuo que se conectase á rede, deixando un flanco dos grandes grupos mediáticos e de poder ó descuberto.

O modelo comunicativo sufría unha nova redefinición na que o número de emisores medraba dun xeito nunca imaxinado e, en consecuencia, o feedback xerado polos receptores pasaba a ser incontrolable. Nembargantes, a mesma virtude que constitúe o feito de multiplicar o acceso a emisores de información provoca, paradoxalmente, a imposibilidade de ter acceso a todos eles. Por todas partes aparecen diarios dixitais independentes, confidenciais, blogs, páxinas persoais, etc.: ventás de expresión ó mundo que se van enlazando unhas a outras constituíndo redes de información e coñecemento compartido e, en moitos casos, cun obxectivo económico meramente baseado na subsistencia.

Como resultado, o volume de datos que se intercambia en Internet é tan desmesuradamente grande que o seu manexo sen o uso de directorios ou buscadores é hoxe imposible.

Cando un individuo ou sociedade establece un negocio, un lugar onde ofrecer ó público os seus produtos ou servizos, o primeiro que precisa, o fundamental e imprescindible, é comunicarlle ó seu público obxectivo a súa existencia, a do seu produto e os datos precisos para atopalo. En Internet acontece exactamente igual: o obxectivo principal é conseguir visitas, tanto se o site está concibido coma un negocio, coma un método de relacións públicas e de transmisión da imaxe corporativa, coma se é un simple e básico espazo de expresión persoal. Sen receptor non hai comunicación e a busca de receptores para a nosa mensaxe realízase fundamentalmente de dous xeitos: publicidade e posicionamento en buscadores.

3.- Os buscadores como gatekeepers: Google e o posicionamento

A ninguén se lle escapa xa que logo que os buscadores son en moitos casos o gatekeeper que determina e condiciona a qué información temos acceso. Teñen o poder inmenso de dicirnos o que existe e non existe en Internet, máis que nunca dende que Google (2) entrou en escena.

Segundo datos de Alexa (3) (e tomemos estes datos coma unha referencia e non coma unha realidade absoluta, polas limitacións que o sistema presenta –comezando polo feito de que a mostra que emprega son os usuarios da súa toolbar-) Google é o cuarto site con máis visitas da rede por detrás de Yahoo (4), MSN (5) e do asiático Sina, se ben debemos aclarar que afondando un pouco máis nos datos observamos que máis dun 90% das visitas de Google teñen coma obxectivo a busca en Internet (e isto parece obvio), mentres que as visitas a Yahoo e Msn concéntranse no seu servizo de correo electrónico (6).

Botando unha ollada a outros datos que ofrecía a prensa (7) durante este ano, Google é o buscador preferido tanto en Europa coma en Estados Unidos segundo estudos de Nielsen Netratings e Standard & Poor’s Equity Research Services respectivamente, achegándose en ámbolos dous casos a ser empregado por preto do 50% dos usuarios de Internet.

Tendo isto en conta consideramos que é Google (así, a secas) o gatekeeper con maiúsculas do ciberespazo. O novo censor da era dixital xa non é de carne e oso. E non só o consideramos nós. De cando en cando aparecen novas (8) acusando a Google (especialmente, polo seu papel preponderante) de acata-las esixencias de gobernos coma o de China[NOTA]9) que, dentro dunha refinada estratexia de censura na rede sen prohibi-lo acceso á mesma, logrou que o buscador impedise o acceso a sitios prohibidos non amosandoos nos resultados das buscas correspondentes.

De novo vemos como a decisión sobre o que existe ou non en Internet está en moitos casos en mans de Google.

O éxito de Google débese, na nosa opinión a dous factores fundamentais que teñen que ver, basicamente, coa satisfacción do usuario:

1.- A súa simplicidade visual que repercute na súa percepción por parte do usuario coma un "servizo altruísta" mesmo agora que inclúe publicidade mediante o sistema Google AdWords [NOTA]10) (cómpre aclarar que o fai dun xeito francamente pouco molesto para o usuario).

2.- A súa inmensa capacidade de busca baseada en varios factores: a primeira base de datos sobre a que posteriormente busca o motor (search engine) está elaborada por un robot, o cal implica unha maior exhaustividade que unha base de datos compendiada por seres humanos. Como segundo punto forte de Google neste aspecto témo-lo seu "famoso" sistema de PageRank que é o indicador da relevancia que unha páxina web ten para o buscador e que, a grandes rasgos, está baseado nos enlaces de outras páxinas cara a nosa (tendo moi en conta a relevancia de quen nos enlaza), nos nosos propios enlaces, na frecuencia de repetición das palabras clave, na aparición das palabras clave na dirección URL etc. (11)

Naturalmente a ninguén se lle escapa a importancia de se-lo primeiro resultado ó realizar unha busca, posto que é un dato sinxelamente comprobable que os usuarios pincharán con máis frecuencia sobre os enlaces ofrecidos na primeira páxina de resultados que sobre os seguintes, decrecendo de xeito proporcional as posibilidades de que o usuario atope unha páxina web conforme apareza esta máis abaixo no ranking.

Hoxe en día hai abondosas empresas que "venden" posicionamento en buscadores, principalmente en Google, e para lograr que unha páxina web apareza como primeiro resultado dunha busca realizada en Google é básico coñecer pormenorizadamente o funcionamento do buscador. Naturalmente isto desvirtúa en certa medida o espírito democratizador que impregnaba a filosofía do buscador pero é tamén o que permite que nos atopemos nos últimos tempos ante un fenómeno fascinante: o Google bombing, ou unha forma de cibergraffiti segundo a versión on-line do International Herald Tribune (12).

4.- O Google bombing

A primeira noticia que temos do Google bombing procede do blog de Adam Mathes (13) que, un 6 de abril de 2001, explicaba que mediante os enlaces masivos empregando unha mesma liña de texto a unha páxina web podíase modifica-la súa posición dentro do ranking de Google. Deste xeito propúñalle ós internautas incluír no código fonte das súas respectivas webs/blogs a seguinte etiqueta HTML: "Andy "talentless hack" Pressman". A súa intención era conseguir que cando alguén buscase en Google "talentless hack" (hacker sen talento) o primeiro resultado fose un enlace cara a páxina web do seu "amigo" Andy Pressman.

Dende ese momento son moitos os Google bombings promovidos en Internet (principalmente dende blogs e mediante blogs) e a característica definitoria da maior parte deles é o seren expresión de desconformidade, de ser unha canle pública de protesta contra o poder político e económico. En resume, como diciamos antes, unha pintada no gran muro que é Google.

Atendendo ás peculiaridades das Google bombs que coñecemos poderiamos falar de catro modalidades distintas:

A.- "Google bombing propiamente dito" .- Dámoslle este nome ás Google bombs consistentes, como a primeira da historia (á que xa nos referimos), en asociar un termo de busca malicioso a unha páxina web "oficial". Este sería o caso, por exemplo, de:

"miserable failure" (miserable fracasado) _ A busca deste termo en Google amosa como primeiro resultado a biografía oficial de George Bush. Como segundo resultado aparece a biografía oficial de Jimmy Carter e, en terceiro lugar, a ligazón cara a páxina web de Michael Moore (pero isto cambia a diario, o que da mostra de que nesta Google bomb en concreto hai unha batalla aberta). A primeira referencia por parte de medios de comunicación que atopamos é a de Newsday.com [NOTA]14) o 9/12/2003.

"ladrones" _ Promovido dende o blog "memorias de un geek" (15) esta Google bomb conseguiu que o primeiro resultado en Google para a busca de "ladrones" fose a páxina web oficial da SGAE convidando ós internautas a parcipar coas seguintes palabras:

Estoy harto. Hace unos días me paseaba yo por una tienda de consumibles de informática a comprar unos CDs vírgenes, y una tarrina de 50 costaba exactamente el doble que antes de septiembre de 2003 (la misma marca y características). ¿No es demasiado? Todo gracias a la SGAE. Me parece bastante excesivo que los CDs aumenten su precio de esta forma tan exagerada gracias a estos mafiosos que se preocupan por todo menos por los derechos de los artistas.

Es por ello que propongo un Google Bombing contra la SGAE." [a continuación explicábase o proceso a seguir].) O Google bombing contra a SGAE foi proposto o día 17/04/2004 e o 27/04/2004 xa conseguiran o seu obxectivo.

B.- "Google bombing de escarnio": Sería o caracterizado por ser, en principio, inofensivo, posto que non pretende enlazar un termo de busca malintecionado a unha web oficial. Nestes casos o enlace é cara unha páxina creada ex profeso con contidos burlescos. Sería o caso, por exemplo, de:

"weapons of massive destruction" (armas de destrucción masiva) _ Cando realizamos esta busca en Google aparece unha simpática páxina de "erro 404" do Internet Explorer na que se nos advirte de que as armas de destrucción masiva non poden ser amosadas. Se seguimos indagando a web enlázanos cara unha páxina na que se adican a vender camisetas, tazas e mesmo calzóns, con algunha parte do texto que aparece na páxina primeira. Esta páxina ten a súa versión en castelán buscando "armas de destrucción masiva".

resposables prestige _ introducindo estas palabras en Google (sen comiñas) aparece de primeira na lista unha web coma a anterior, baseada no deseño das páxinas "erro 404", informándonos de que non se poden atopa-los responsables do desastre do Prestige.

"Un trabajo digno con un sueldo decente" _ Unha nova páxina baseada outra volta na plantilla do erro 404 advírtenos de que non se pode atopar, e suxire que pode ser que o país teña problemas económicos ou que precise axusta-la configuración da súa política económica.

"Osama Binladen" _ buscando o nome do tristemente famoso terrorista (tal e como aquí está escrito) o primeiro resultado condúcenos a unha animación satírica sobre a "busca" de Bin Laden bombardeando Afganistán.

C.- "Google bombing recreacional".- O único caso que coñecemos ata o de agora é o do concurso de posicionamento promovido dende google.dirson.com (16):

Seleccionouse unha palabra que non ofrecese ningún resultado ó busca-la en Google: telendro. O gañador do concurso sería o que a día 26 de setembro de 2004 ,as 22:00 (hora CET) figurase coma primeiro resultado ó buscar este termo inventado. O premio do concurso (o libro "Google, los mejores trucos") fainos pensar que a motivación principal dos participantes foi amosa-los seus coñecementos sobre posicionamento. Aínda hoxe Google devolve aproximadamente 169.000 entradas ó efectua-la busca de "telendro".

D.- "Google bombing total".- Non temos constancia de que se teña feito nunca pero consistiría en asociar un termo de busca non malintencionado, ou dito doutro xeito un termo de "busca real" cunha páxina web malintecionada. Na blog antes citada, "memorias de un geek", propúñase como unha resposta á proposición de Google bombing formulada contra a SGAE iniciar outro Google bombing co obxectivo de quitar o primeiro posto no ranking de buscas de Google para o propio termo SGAE, de xeito que a busca de "SGAE" devolvese coma primeiro resultado a web .

Con este tipo de Google bombing conseguiríase "roubar" o primeiro resultado de Google ó seu "lexítimo dono" conducindo a moitos internautas cara un contido malicioso. Noutras palabras, quitarlle á SGAE o seu "posicionamento natural" e atribuírlle á plataforma anti-sgae un "posicionamento fraudulento" (17).

5.- Conclusións

Observamos, xa que logo, que a día de hoxe o Google bombing é unha práctica que persegue expresa-lo pensamento dunha comunidade internauta, unha pequena ferramenta que, polo de agora, está fóra do control dos grandes grupos mediáticos que filtran toda a información que recibimos.

O Google bombing é unha ferramenta de redes de usuarios que ten moito que ver, e coidamos que no futuro existirá unha maior relación, coas redes descritas por CASTELLS (2001: 165) que xorden da resistencia das "sociedades locais" e propóñense "vencer ó poder das redes globais". Ben é certo que en moitos casos detrás non hai unha organización como tal, máis ou menos estable, que constitúa un garante ideolóxico "anti-sistema", pero si que deben valorarse pola capacidade que demostran para aglutinar rápidamente a usuarios que forman parte de comunidades a primeira vista dispersas para lograr un obxectivo reivindicativo común.

Sen embargo non debemos esquecer que o Google bombing non é máis que un aproveitamento dunha pequena vulnerabilidade de Google, polo que é de esperar que, se nalgún momento nos próximos anos esta práctica chega a representar unha amenaza real para a fiabilidade do buscador (e non anecdótica como ata agora) o criterio, o famoso algoritmo de Google, cambiaría unha vez máis deixando pechada esta pequena porta de expresión social.

De acordo, pero… ¿ata cando?.

BIBLIOGRAFÍA

· CASTELLS, Manuel, 2001, La galaxia internet, Barcelona: Plaza & Janés.

· CODINA, Lluís, 2004, "Posicionamiento web: conceptos y ciclo de vida", en Hipertext.net: La Gestión Documental y la Representación del Conocimiento en el Mundo Digital. Última consulta 08/10/04. http://www.hipertext.net/web/pag216.htm

· COLLON, Michael, 1995, ¡Ojo con los media!, Hondarribia: Argitaletxe hiru, S.L.

· FERNÁNDEZ, David, 2003, "Cambios en Google", en DiarioRed.com, Diariored.com – Noticias y análisis independientes de la actualidad de Internet. Última consulta 04/10/04. http://www.diariored.com .

· PAIN, Julien, "Informe Internet bajo vigilancia 2004", 2004, en Reporters sans frontières. Última consulta 07/10/04. http://rfs.org/rubrique.php3?id_rubrique=434 .

· UGARTE de, David, 2002, El libro del posicionamiento en buscadores, en Expertos en Internet: Sociedad de las Indias Electrónicas. Última consulta 04/10/04. http://www.lasindias.com/informes.html .

· RAMONET, Ignacio, 2003, "Información e cidadanía na globalización. Un quinto poder fronte ós medios", en Tempos Novos, no. 77, pp. 48-58.

· Google.dirson.com – noticias de google en español. Última consulta 08/10/04. http://google.dirson.com .

· International Herald Tribune. Última consulta 05/10/04 http://www.iht.com/articles/120739.html .

· Memorias de un geek. Última consulta 08/10/04 http://memoriasdeungeek.bitacoras.com/2004/04 .

· Navegante de El Mundo.es. Última consulta 08/10/04, http://www.el-mundo.es/navegante .

· Über: Better Than You, Daily. Última consulta 08/10/04, http://uber.nu/2001/04/06 .

Notas

· [1] – COLLON cita a obra: CHOMSKY e HERMAN, 1988, Manufacturing consent, New York.

· [2] – Buscador desenvolto por Larry Page e Sergey Brin e con presenza en Internet dende 1998.

· [3] – Sitio web de Amazon fundado en 1996 que ofrece información sobre o tráfico das páxinas de Internet a través dos datos recollidos dos usuarios da súa barra de ferramentas (toolbar).

· [4] – Portal desarrollado por David Filo e Jerry Yang que comezou como directorio de webs en 1994 e actualmente ofrece diversos servizos on-line (buscas, correo, compras, etc.).

· [5] – Portal de Microsoft que ofrece, entre outros, servizos de correo, busca, compras, etc.

· [6] – Segundo datos de Alexa a 23 de setembro de 2004 Google ocupa o 4º posto global no ranking que fai este web cos resultados de tráfico facilitados polos usuarios da súa toolbar por debaixo de yahoo, msn, e sina (portal asiático). Compre especificar que segundo estas mesmas fontes, do tráfico de yahoo o 38% e para correo e só o 4% para o motor de busca. Con Msn 0 77% das visitas son para hotmail e só o 7% para o seu servizo de busca. En canto a Sina.com: a maior parte das entradas na web son para o servizo de novas (13%) e só un 2% emprega o seu servizo de buscas.

· [7] – http://www.elmundo.es/navegante/2004/06/08/empresas/1086685302.html .

http://www.elmundo.es/navegante/2004/03/01/empresas/1078141130.html .

· [8] – Por exemplo:

http://www.el-mundo.es/navegante/2004/09/28/empresas/1096367507.html .

http://www.elmundo.es/navegante/2004/07/27/esociedad/1090926142.html .

· [9] – Para un coñecemento pormenorizado da represión e censura en Internet recomendamos visita-la web de Reporteros Sin Fronteras e consulta-lo seu informe "Internet bajo vigilancia": http://www.rsf.org/rubrique.php3?id_rubrique=434 .

· [10] – O sistema Google Adwords consiste na ubicación, na páxina de resultados, de enlaces patrocinados asociados a un determinado termo de busca, que se sitúan no lateral dereito, sen interferir na consulta da lista de resultados. O anunciante só paga polos clics que consegue o seu anuncio.

· [11] – Para ter un coñecemento máis exhaustivo sobre os criterios de Google recomendamos consultar:

– UGARTE de, David, 2002, El libro del posicionamiento en buscadores, en http://www.lasindias.com/informes.html .

– FERNÁNDEZ, David, 2003 "Cambios en Google", en DiarioRed.com, http://www.diariored.com .

http://google.dirson.com/pagerank.php .

· [12] – "How George Bush got Google bombed", International Herald Tribune, http://www.iht.com/articles/120739.html .

· [13] – http://uber.nu/2001/04/06/

· [14] – www.newsday.com/business/ny-bzgoog1206,0,2339508.story?coll=ny-business-headlines . (esta ligazón non se atopaba operativa o día da última consulta: 04/10/2003)

· [15] – http://memoriasdeungeek.bitacoras.com/2004/04/

· [16] – http://google.dirson.com/concurso-posicionamiento

· [17] – A terminoloxía empregada sobre o posicionamento está tirada do artigo: CODINA, Lluís, "Posicionamiento web: conceptos y ciclo de vida", dispoñible en: http://www.hipertext.net/directo.asp?pagina=web/pag102.htm .

Licencia de Reconocimiento-No Comercial Estos contenidos son Copyleft bajo una licencia de Creative Commons. Pueden ser distribuidos o reproducidos, mencionando su autor, siempre que no sea para un uso económico o comercial. No se pueden alterar o transformar, para generar unos nuevos.

Alberto Dafonte Gómez

Este artículo es obra original de Alberto Dafonte Gómez y su publicación inicial procede del II Congreso Online del Observatorio para la CiberSociedad: http://www.cibersociedad.net/congres2004/index_es.html"

Partes: 1, 2
 Página anterior Volver al principio del trabajoPágina siguiente