Descargar

Cibergraffiti: unha breve aproximación ó fenómeno do google bombing como forma de expresión social

Enviado por Djamel Toudert

Partes: 1, 2

    Idioma original:

      · galego

    Palabras clave:  · censura  · comunicación  · internet  · medios de comunicación  · movimientos sociales

    ABSTRACT: O actual volume de información que está dispoñible na rede fai imprescindible o uso de buscadores para poder facer un uso útil da mesma. Isto provoca que os buscadores e directorios exerzan coma gatekeepers que condicionan o acceso á información por parte dos usuarios. Google, como líder dos buscadores de Internet, ten unha importancia crucial no acceso á información, pero o fenómeno do Google bombing manipula os seus sistemas de elaboración de ranking de resultados para amosar de xeito relevante contidos reivindicativos, e expresións do pensamento de colectivos minoritarios, configurando así unha poderosa ferramenta para a expresión cidadá á marxe do control dos grandes grupos de comunicación.

    Presentación

    Nesta comunicación tratamos de facer unha primeira aproximación ó estudo do fenómeno do Google bombing como xeito de expresión social netamente vinculado a Internet, dende o ámbito das ciencias da comunicación.

    1.- O acceso á información e os grupos mediáticos

    Houbo un tempo no que os medios de comunicación exercían de contrapoder ante os abusos dos "tres poderes" definidos pola teoría clásica. Constituían segundo RAMONET un cuarto poder que "era, en resumo, gracias ós medios de información, o poder do que dispuñan os cidadáns para criticar, rebater, oporse, nun marco democrático, a decisións legais que podían ser inicuas, inxustas e ata criminais contra dalgúns cidadáns inocentes" (RAMONET, 2003: 48).

    No contexto actual a comunicación de masas está en mans de grandes grupos mediáticos que controlan xa non só os medios de comunicación senón que tamén teñen o dominio das industrias do ocio e o entretemento. O poder das grandes corporacións multimedia para decretar o que é realidade ou ficción, para discernir entre o que existe e sucedeu do inexistente é case absoluto e segue sempre o criterio, non da veracidade, senón da conveniencia ou inconveniencia para os intereses económicos e ideolóxicos da empresa.

    MICHAEL COLLON (1995:121-166), baseándose en reflexións de HERMAN e CHOMSKY (1), describe o sistema dos medios de comunicación coma unha "máquina de filtra-los feitos" con catro filtros:

    1.- Os medios son empresas que funcionan para conseguiren rendibilidade económica.

    2.- O poder económico dos anunciantes condiciona os contidos dos medios.

    3.- Un gran número das fontes das que obteñen información pertencen ó ámbito gubernamental ou empresarial.

    4.- Existe unha autocensura por parte dos xornalistas de xeito inconsciente ou non, que os leva a defende-la orde establecida.

    Como resultado temos un panorama comunicativo francamente desalentador, no que o único ó que pode aspirar o individuo é a ter un coñecemento máis ou menos preciso dos intereses que se agochan trala información que recibe, e proceder a realizar unha selección, en consecuencia, destes datos seguindo o seu criterio.

    Partes: 1, 2
    Página siguiente